lunes, 21 de mayo de 2007

ESTÁN EN CAMPAÑA

Seica están en campaña e que a cita electoral é inminente. Chegou o tempo de renovar as corporacións municipais e poida que tamén as alcaldías. As fotografías de aspirantes penduran das farolas. Os lemas son planos e os programas, nalgúns casos, inexistentes. A dialéctica aparece tinguida por xestións máis ben pouco lucidas e a cidadanía contempla as diatribas e os debates (hai, hei) con preguiza mal disimulada.
Mudan os tempos. Queda por ver se tamén mudarán as vontades.
Claro que, á vista dos novos referentes do poder (político, institucional) e dunha certa tendencia seguidista na experiencia galega, vai ser interesante comprobar se o novo marco propicia algunha mudanza máis das coñecidas e cobizadas e se queda aínda máis en evidencia algunhas enquisas interesadamente aireadas por medios pluriformes, que non plurais, en sentido estricto.
Nós en campaña, o que se dí en campaña, non estamos, pero tampouco sobrará que digamos algo e que a máis dun, ou dunha, lle agradezamos, é un dicir, os servizos mal prestados. Que abramos fiestras, vamos, para que nos concellos, vilas e cidades circule libremente a palabra libre fronte aos intereses bastardos e zafios.

jueves, 3 de mayo de 2007

Noticia importante para os xornalistas (e para a cidadanía)

Debemos ter en conta esta cita e o alcance dos relatorios e os debates a celebrar nos vindeiros días en Lugo. É unha cita importante e non só para os xornalistas.

A V Convención de Xornalistas de España celebrarase os días 4, 5 e 6 de maio de 2007 en Lugo. A convención, convocada polo Foro de Organizacións de Xornalistas, reunirá a dous centenares de profesionais da información de toda España. Nesta ocasión, baixo o lema "Vellos e novos medios: a mediación necesaria do xornalista", a cuestión a debate será a da esixencia de profesionalidade no exercicio do xornalismo.

A Convención, que se celebra por vez primeira en Galicia, terá lugar durante tres días no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. As catro convencións anteriores celebráronse en Cádiz, Valladolid, Tarragona e Gijón. Todas elas foron convocadas polo Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP), plataforma unitaria formada actualmente polas organizacións colexiais e sindicais máis representativas de España: Agrupación Xeral de Xornalistas de UGT, Agrupación de Xornalistas de CCOO, Federación de Sindicatos de Xornalistas, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Col·legi de Periodistes de Catalunya.

Liberdade de PRESIÓN

3 de maio de 2007. Para moitos a LIBERDADE segue a ser un problema de PRESIÓN. Do prefixo EX, e da liberdade para acceder, elaborar e difundir informacións nada queren saber. Digo eu que a esas PRESIÓNS habería que opoñer outras. Para intentar siquera un certo equilibrio inestable. Enténdese que neste momento os desquilibrios son manifestos e xogan contra os xornalistas e contra a sociedade á que nos debemos e da que somos parte activa e, nalgunha medida, crítica.

martes, 1 de mayo de 2007

Ver, escoitar e contar

Andar, ver e contar apela á actitude de sempre dos xornalistas, dos reporteiros dispostos a percibir e proxectar o pulso da sociedade ou alomenos algún indicador dese pulso. Unha actitude diferente da que consiste en esperar, recibir e reproducir, un mal que afecta hoxendía, entre outros, ao exercicio do xornalismo, á súa calidade, á súa credibilidade. Un mal que, xunto cos outros, debe ser denunciado e combatido fora e dentro dos soportes-empresas que procesan e difunden as mensaxes e desde a sociedade que as recibe.
Por eso andar, ver e contar reclama, en primeiro lugar, atención e escoita. E, despois, todo o requerido pola mellor tradición do oficio xornalístico: claridade e concisión para empezar.

Primeiro de Maio, distante

Poida que os sindicatos deban replantexarse principios, actitudes e estratexias. Foi este un Primeiro de Maio pasado por auga, pero tamén estivo marcado polo distanciamento e a preguiza de moitos traballadores. Un afastamento que vai a máis, paseniñamente, e que debería se considerado debidamente por unha dirixencia sidical que, en non poucas ocasións, semella lonxe, moi pendente dos seus, exclusivamente dos seus. E o mundo laboral, transformado, sacudido, precarizado, parado, distante, vai moito máis alá dos dominios da función pública. Por poñer un exemplo para bós entendedores.
Sí. Creo que os sindicatos algo deben replantexarse para ben de todos. Tamén das propias organizacións, dos seus dirixentes e afiliados máis ou menos cotizantes.
En calquera caso, ¡ viva sempre o Primeiro de Maio!